A empresa de distribución alimentaria Froiz incorpórase como socio á Alianza Galega polo Clima.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e os representantes da compañía pontevedresa asinaron este mércores o protocolo para a súa adhesión.
A Xunta puxo en marcha esta iniciativa ambiental en 2022 para promover as accións fronte ao cambio climático de todos os estamentos da sociedade galega.
Ángeles Vázquez agradeceu durante a súa visita ás instalacións do grupo o seu compromiso co coidado do medio ambiente e a decisión de sumarse ao obxectivo común de adoptar medidas para facer fronte ao quecemento global.
O seu exemplo, salientou, servirá de inspiración para outras firmas máis pequenas e exercerá un efecto tractor no tecido empresarial existente na súa contorna.

Coa incorporación de Froiz, a Alianza Galega polo Clima conta con 200 entidades adheridas.
Entre elas están pequenas, medianas e grandes empresas, autoridades portuarias, entidades asociativas, organismos de investigación e universidades, centros tecnolóxicos e administracións que se converten en importantes activos para a acción climática de Galicia co fin de acadar a neutralidade climática en 2040.
A conselleira destacou que o compromiso co medio ambiente e a sostibilidade desta compañía se reflicte no seu labor diario con distintas medidas para facer fronte ao cambio climático e reducir a súa pegada de carbono.
De feito, as súas plataformas loxísticas contan cun selo que certifica que practicamente o 100% dos residuos que se xeran nelas son reutilizados e convertidos en novos materiais, algo que se estende a todas as áreas de negocio do grupo.
Nesta liña, na súa estratexia de economía circular dá unha segunda vida aos residuos de papel e cartón e traballa en distintos proxectos como o de fabricación de bolsas corporativas a partir de plástico reciclado pola propia empresa.

BALANCE DE EMISIÓN
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, salientou que estas accións son as que contribúen a que Galicia sexa a comunidade autónoma líder na redución das emisións de efecto invernadoiro respecto a 1990, cun descenso de preto do 62% e moi por enriba da rebaixa do conxunto de España, do 12,6%.
A responsable autonómica lembrou tamén que, co fin de avanzar neste eido, a Xunta está a pedir ao Goberno central que as comunidades autónomas poidan participar e xestionar activamente fondos do Plan Social para o Clima, que contará cun orzamento de 9.000 millóns de euros para o período 2026-2032 dos que un 75% serán aportados por Europa e o 25% serán achegas estatais.
Neste sentido, os distintos departamentos do executivo galego xa están a avaliar proxectos que poidan beneficiarse destes fondos co fin de manter a senda de actuación fronte ao cambio climático e avanzar na adaptación aos efectos do quecemento global.
