O pleno da Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres a un dos seus principais instrumentos de investimento municipal. Trátase da segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), que mobilizará arredor de 37 millóns de euros destinados a 57 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes para impulsar proxectos considerados estratéxicos.
A sesión serviu tamén para aprobar unha modificación de crédito por importe de 4,6 millóns de euros. Desta cantidade, 1,7 millóns destinaranse a reforzar economicamente o propio Plan Extra e garantir así o financiamento das iniciativas seleccionadas.
A práctica totalidade das propostas presentadas nesta segunda convocatoria do Plan Extra recibiron o visto e prace da corporación provincial. Só quedaron fóra as iniciativas dos concellos de Vilagarcía de Arousa e Cambados. No caso de Cambados, a exclusión produciuse por non acadar o orzamento mínimo esixido, mentres que Vilagarcía non corrixiu a tempo as deficiencias detectadas na súa solicitude.
O momento da votación deixou tamén unha imaxe pouco habitual como é que varios deputados do grupo socialista desmarcáronse da disciplina de voto, con tres apoios á proposta e seis abstencións.
Desde o Partido Popular interpretaron este feito como un síntoma de división interna no PSOE provincial, chegando a falar de "crise" e cuestionando a capacidade dos socialistas para liderar un proxecto sólido para os concellos pontevedreses.
A voceira socialista na Deputación, Laura Iglesias, acusou ao PP de "confundir" a institución coa súa estrutura partidaria e criticou que o presidente provincial cuestionase aos concellos excluídos do Plan Extra, algo que non ocorría no anterior mandato, segundo sinalou.
Engadiu que "o Partido Socialista, malia estar de acordo co plan, deu liberdade de voto aos seus deputados co obxectivo de que aqueles que ostentan a alcaldía e, polo tanto, lograron a subvención, puidesen expresar o seu apoio. Ao mesmo tempo, o resto dos deputados, coa súa abstención, manifestaron a súa discrepancia coa actitude partidista do presidente da Deputación".
Se embargo, o PP lembra que os tres votos a favor, corresponderon aos alcaldes de Gondomar e Redondela e ao ex rexedor de Baiona, Carlos Gómez Prado, que está na oposición.

Ademais do Plan Extra, o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo abordou outros asuntos relevantes. Entre eles, a aprobación dunha modificación orzamentaria de case 500.000 euros para o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, que permitirá mellorar e ampliar os equipamentos dos profesionais do servizo.
Tamén saíron adiante iniciativas como un proxecto de cooperación transfronteiriza, liderado pola Deputación e financiado con fondos europeos, orientado á protección dos castiñeiros fronte a ameazas climáticas e biolóxicas, así como a prórroga dos prazos de execución dos proxectos vinculados ao programa PON2030.

No apartado de mocións, prosperou a proposta do grupo popular para reclamar ao Goberno central medidas urxentes que mitiguen o impacto do encarecemento da enerxía no sector primario. Pola súa banda, o grupo socialista conseguiu o apoio da corporación nunha iniciativa de rexeitamento á guerra en Irán.
Non tiveron a mesma sorte outras propostas socialistas, como a relativa aos Plans de Sustentabilidade Turística en varias comarcas da provincia, nin a presentada polo BNG, que instaba á mobilización social contra os parques eólicos previstos na Serra da Groba.
