O Concello de Vilagarcía de Arousa anunciou que acudirá á vía contencioso-administrativa para impugnar a decisión da Deputación de deixar fóra ao municipio do II Plan Extra.
Era unha liña de axudas destinada a financiar, entre outras actuacións, a humanización das rúas Aduana e Cruz.
O alcalde vilagarcián, Alberto Varela, comunicou esta decisión este mércores nunha comparecencia pública na que tamén quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños de Carril, asegurando que as obras previstas executaranse "con ou sen o respaldo do organismo provincial".
O proxecto conta cun orzamento próximo aos 900.000 euros, dos cales 548.000 foran solicitados á convocatoria provincial, mentres que o resto procede de fondos europeos vinculados ao EDIL.
O rexedor defendeu tanto a tramitación administrativa como o deseño técnico elaborado polo arquitecto municipal, rexeitando os argumentos que cuestionan a súa viabilidade.
O alcalde cargou contra a xestión do presidente da Deputación, Luís López, ao considerar que se produciu unha deterioración na relación institucional cos concellos.
Ao seu xuízo, pasouse dun modelo de comunicación fluída e colaboración técnica a unha etapa marcada pola "absoluta falta de respecto institucional e nula colaboración cos concellos".
O responsable municipal foi máis aló ao cuestionar a motivación da exclusión, suxerindo que podería responder a intereses partidistas. "Non foi unha decisión inocente", dixo.
Neste sentido, expuxo dúbidas sobre a compatibilidade entre a presidencia da Deputación e a do Partido Popular provincial na toma de decisións que afectan os municipios, "porque, á hora de tomar decisións como estas, que pesa máis, a postura institucional ou ou interese partidista?", preguntouse
Así mesmo, vinculou este cambio de rumbo á proximidade das eleccións municipais de 2027, criticando a actitude do Partido Popular local por apoiar, segundo afirmou, decisións que prexudican á cidade.
Tamén reprochou aos populares a súa xestión pasada, lembrando a renuncia a fondos europeos do programa Arousa XXI durante a súa etapa no goberno municipal.
A Deputación defende a actuación
A Deputación de Pontevedra respondeu ás críticas do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, pola perda de financiamento ao abeiro do II Plan Extra, reclamando "máximo respecto" para o persoal técnico provincial e rexeitando calquera intento de presión ou utilización partidista deste proceso administrativo.
Nun comunicado, o goberno provincial, presidido por Luis López, subliña que os técnicos da institución "desempeñan o seu labor co máximo rigor e compromiso coa legalidade", lembrando que en ocasións anteriores informaron favorablemente proxectos do propio Concello de Vilagarcía.
A Deputación asegura que mantivo ao Concello de Vilagarcía informado en todo momento e que dispuxo de varias oportunidades para corrixir as deficiencias na súa solicitude ao II Plan Extra.
A institución provincial rexeita tamén as críticas sobre un suposto trato discriminatorio.
Segundo os datos facilitados, no que vai de mandato o goberno provincial transferiu 8,3 millóns de euros a Vilagarcía a través de distintos programas, incluíndo 1,1 millóns do I Plan Extra.
O goberno provincial insta ao executivo local a "rectificar de inmediato as súas acusacións infundadas", recuperar a colaboración institucional e "abandonar a confrontación partidista" para garantir unha xestión máis rigorosa dos recursos públicos.
Reparto de fondos
A Deputación de Pontevedra iniciou o proceso para repartir os fondos do II Plan Extra, dotado con preto de 37 millóns de euros no conxunto da provincia.
Desta contía, ao redor de 5,9 millóns destinaranse a municipios das comarcas do Salnés e Arousa, mentres que máis de 7,6 millóns dirixiranse á zona de Pontevedra.
En total, 57 concellos beneficiaranse destas axudas, orientadas a impulsar proxectos estratéxicos que contribúan ao desenvolvemento territorial, a mellora de servizos e o equilibrio entre o ámbito rural e urbano.
As asignacións serán aprobadas previsiblemente no pleno ordinario do organismo provincial previsto para o próximo 27 de marzo.