Un aparatoso accidente de tráfico rexistrado na tarde deste luns, 10 de novembro, na vía rápida VG-4.1, que une Sanxenxo co Grove, saldouse con seis vehículos implicados despois de que cinco xabarís irrompesen na calzada.
O suceso tivo lugar arredor das 20:30 horas, á altura do quilómetro 23, nas inmediacións da saída de Noalla.
Os condutores non puideron evitar o atropelo dos exemplares que cruzaron a estrada, o que provocou unha serie de colisións encadeadas entre os vehículos.
Os cinco animais salvaxes faleceron, segundo informan testemuñas presenciais.
A violencia do impacto chegou a activar os airbags nalgúns coches neste suceso.
Ata o lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación e atender os ocupantes dos vehículos, aínda que, segundo informaron as autoridades, non se rexistraron persoas feridas.
Por outra banda, o Concello de Sanxenxo establece para este martes, 11 de novembro, a suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre debido á alerta laranxa decretada por fenómenos costeiros adversos, segundo informou o 112 Galicia.
O goberno local tamén decidiu pechar os parques e xardíns municipais durante toda a xornada e recomendan extremar as precaucións para evitar incidencias.