Tres persoas feridas nun accidente nun punto de Combarro onde a veciñanza pide máis seguridade

Poio
07 de novembro 2025
Actualizado: 10:35

A colisión, rexistrada na PO-308, puxo de novo o foco sobre a falta de seguridade no paso de peóns da Avenida da Cruz

Avenida da Cruz en Combarro cos vehículos implicados no accidente
Avenida da Cruz en Combarro cos vehículos implicados no accidente / Policía Local de Poio

Nas últimas horas, a Policía Local de Poio foi alertada polo 112 dun accidente de tráfico en Combarro, na estrada PO-308, á altura da Avenida da Cruz.

O sinistro, un alcance entre dous turismos, saldouse con tres persoas feridas leves.

O impacto producíase nunha xornada de chuvia, que dificultaba a visibilidade, e as persoas feridas foron trasladadas a un centro hospitalario para avaliación médica.

A veciñanza leva tempo denunciando a perigosidade do paso de peóns que conecta o casco histórico coa zona nova na avenida da Cruz, onde se producía o accidente, por estar situado nun cambio de rasante que dificulta a visibilidade.

Reclaman algún elemento lumínico que alerte os condutores deste paso de peóns.

A Policía Local lembra á cidadanía que, especialmente nestas xornadas de chuvia, é importante adecuar a velocidade ás condicións da vía, manter unha distancia de seguridade axeitada e extremar a atención ao volante.