Guille Juncal, do PP, pide cubertas para as instalacións deportivas municipais

Pontevedra
07 de novembro 2019

O concelleiro indica que debe comezarse con esta mellora nos campos de fútbol-8 na Xunqueira e no campo de Monte Porreiro. Reclama ao concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que estas actuacións se desenvolvan de cara a tempada 2020-21. Os populares levarán o tema ao vindeiro pleno

Guille Juncal, concelleiro do PP
Guille Juncal, concelleiro do PP / PontevedraViva

O Partido Popular ha anunciado, a través do seu concelleiro Guille Juncal, que presentará no próximo pleno unha moción para reclamar cubertas e estruturas de protección para os espectadores que acoden ás instalacións deportivas municipais que se atopan ao aire libre, sobre todo, campos de fútbol.

Juncal afirmou que mantivo reunións con representantes de diversos clubs deportivos durante os últimos meses e manifestáronlle a necesidade dun cambio da política deportiva en relación coas subvencións ás entidades como na xestión dos campos.

O concelleiro popular pide esta mellora nas instalacións para ofrecer un servizo aos afeccionados e familiares dos deportistas. Juncal entende que se debe comezar con instalar cubertas nos campos de fútbol-8 na Xunqueira, no de Monte Porreiro, no novo de Xeve e no da Xunqueira II, que conta cunha protección insuficiente.

Desde o PP piden ao concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que se atreva a recoñecer os erros de xestións anteriores por parte do BNG e que leve a cabo estas melloras para que as instalacións non queden inutilizadas durante parte do ano e para xestionar ben o diñeiro público.

Guille Juncal sinalou que non realizaron unha análise económica do que supoñerían estas melloras para as arcas municipais pero sinalou que carece de sentido investir 300 mil euros no campo da Xunqueira e non se contemplen estas obras necesarias, segundo explicaba, para poder facer fronte ás inclemencias do tempo.