Guillermo Meijón e Marica Adrio, propostas do PSOE de Pontevedra para Congreso e Senado

Pontevedra
09 de marzo 2019

O comité provincial do PSOE propuxo a elección do actual deputado Guillermo Meijón como número 2 da lista que os socialistas presentarán nas próximas eleccións xerais do 28 de abril, que estará liderada pola concelleira viguesa Olga Alonso. De cara o Senado, a proposta de Pontevedra é a da avogada Margarita 'Marica' Adrio

Comité provincial do PSOE en Pontevedra
Comité provincial do PSOE en Pontevedra / PSdeG-PSOE de Pontevedra

O comité provincial do PSOE propuxo a elección do actual deputado Guillermo Meijón como número 2 da lista que os socialistas presentarán nas próximas eleccións xerais do 28 de abril, que estará liderada pola concelleira viguesa Olga Alonso. De cara o Senado, a proposta de Pontevedra é a da avogada Margarita 'Marica' Adrio.

Nunha xuntanza celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra, os socialistas completaron os primeiros postos da súa candidatura ao Congreso coa ex senadora Ángeles Marra, tamén concelleira na cidade de Vigo. Ela ocupará o terceiro posto da candidatura.

Pola súa banda, o histórico dirixente socialista Modesto Pose, como representante da comarca do Salnés, será o cabeza de lista do PSOE pontevedrés para o Senado.

A lista da Cámara Alta complétase, na terceira posición con Daniel Chenlo, dirixente do PSOE no municipio de Pontecesures.

Na súa intervención ante o comité provincial, o seu secretario xeral, David Regades, felicitou ao partido por un proceso de elaboración de listas "exemplar" no que primaron "o diálogo e o consenso". De feito, as candidaturas foron aprobadas por aclamación.

Regades valorou positivamente o traballo feito por parte de todas as agrupacións para confeccionar unhas listas "fortes” e que achegan o partido á cidadanía. "Todas e todos os que estades hoxe aquí poderiades formar parte desta lista", asegurou o secretario xeral, que quixo destacar a unidade como un dos sinais de identidade destas listas.

O proceso de designación desenvolveuse con total normalidade conforme ao que marcan os estatutos do PSOE, que conceden ás agrupacións provinciais a capacidade de facer propostas sen carácter vinculante.

A partir de aí, corresponde ás estruturas superiores do partido definir e aprobar as candidaturas; un proceso que concluirá o vindeiro domingo no Comité Federal, do que sairán as candidaturas do PSOE en todas as provincias de España.