Haberá cambiadores para bebés nos aseos masculinos e femininos dos edificios municipais

Pontevedra
28 de xaneiro 2017

Todos os edificios de titularidade municipal deberán contar con cambiadores para bebés. Así o decidiu a corporación municipal que, de forma unánime, apoiou no pleno a moción presentada por Cidadáns. Iso si, terán que estar instalados indistintamente en aseos masculinos e femininos

Entrada do edificio administrativo do concello de Pontevedra na rúa Michelena
Entrada do edificio administrativo do concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

Todos os edificios de titularidade municipal deberán contar con cambiadores para bebés. Así o decidiu a corporación municipal que, de forma unánime, apoiou no pleno a moción presentada por Cidadáns. Iso si, terán que estar instalados indistintamente en aseos masculinos e femininos.

"A realidade coa que nos atopamos de maneira habitual é que os cambiadores de bebés atópanse sempre nos aseos femininos, coma se a crianza dos máis pequenos e as máis pequenas correspondese unicamente á nai", destacou María Rey durante a súa intervención.

A portavoz de Cidadáns engadiu que "se non logramos adaptarnos á igualdade en tarefas cotiás, dificilmente lograremos unha sociedade moderna e inclusiva".

Ademais de instalar estes cambiadores, que non supoñerán un gran desembolso para o Concello, a moción pedía realizar unha campaña de concienciación no sector privado da cidade para que se somen á instalación dos cambiadores "sen discriminación algunha" e solicitar á administración provincial e autonómica que realice os cambios oportunos nos seus edificios oficiais.

Dentro do ámbito social, outras dúas mocións presentadas polo PSdeG-PSOE tamén foron aprobadas, aínda que no seu caso non por unanimidade.

A primeira delas, á que o BNG se opuxo, os socialistas instaban o goberno municipal a ampliar o plantel de traballadores sociais do Concello, contratando dúas novas persoas. Ademais, reclamaban que se cubran as baixas, vacacións, permisos e xubilacións para que non se resinta a atención aos cidadáns.

A moción incluía a necesidade de garantir un trato correcto ás traballadoras actuais, que se respecten os procesos técnicos na atención ou que se mellore o sistema de información e cita previa para reducir os tempos de espera dos usuarios.

Na segunda, a concelleira Paloma Castro expuña instar á Xunta a trasladar o punto de encontro familiar, destinado a menores e pais separados por algunha circunstancia, da antiga delegación de Sanidade na avenida de Vigo -localización que non consideran adecuada- ao edificio administrativo que a Xunta rehabilitará en Benito Corbal.

Ademais, os socialistas reclamaron tamén que o goberno galego aumente o persoal deste servizo, composto actualmente por tres persoas, dúas psicólogas e unha traballadora social. A moción foi aprobada coa abstención dos sete concelleiros do PP.