Haberá controis estritos para evitar o uso de dispositivos electrónicos nos exames da PAU 2026

Pontevedra
26 de maio 2026

A Comisión Interuniversitaria de Galicia publica unha adenda ao protocolo de 2026 que permite a inspección de lentes, bolígrafos e outros materiais en calquera momento do exame

Probas da PAU, a nova selectividade, no campus de Pontevedra

A organización das Probas de Acceso á Universidade (PAU) deste ano contará con instrucións específicas para supervisar todo o material que introduza o alumnado nos centros de exame.

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), responsable de coordinar as probas, publicou unha adenda ao protocolo regulador co obxectivo de controlar a entrada de elementos tecnolóxicos que poidan ser utilizados para copiar, tales como reloxos intelixentes, auriculares de tamaño reducido ou lentes dotadas con sistemas de intelixencia artificial (IA).

A nova normativa faculta o profesorado das comisións delegadas para requirir e inspeccionar en calquera momento obxectos de uso persoal como lentes, calculadoras ou bolígrafos.

 documento oficial dita que a presenza ou o uso de calquera tipo de dispositivo electrónico activado dentro da aula implicará a expulsión directa do estudante e a conseguinte anulación das probas.

Co fin de facilitar estas comprobacións, o protocolo obriga o alumnado a manter os pavillóns auditivos despexados para que poidan verificar de maneira visual a ausencia de trebellos de escoita non autorizados.

Un total de 13.441 estudantes matriculáronse en toda Galicia para concorrer ás convocatorias ordinaria de xuño e extraordinaria de xullo. A comarca de Pontevedra achega un 11,12% do volume autonómico, cun total de 1.494 alumnos inscritos que se distribuirán en cinco sedes diferentes.

A Escola de Enxeñaría Forestal acollerá o grupo máis numeroso con 495 aspirantes, seguida pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con 450, e a Facultade de Comunicación con 418.

Así mesmo, habilitáronse dous centros específicos para dar cobertura a colectivos concretos: a EPAPU Río Lérez, onde realizarán as probas 119 persoas, e o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, que atenderá a 12 estudantes con necesidades de adaptación de alto grao.

NORMAS DE ACCESO

O protocolo para a edición de 2026 recolle tamén novidades no proceso de identificación dos participantes. En aplicación do Real Decreto 255/2025, os estudantes poderán acreditar a súa identidade mediante o documento nacional de identidade dixital a través da aplicación móbil oficial MiDNI.

Esta opción convive coa obriga de apagar e gardar o teléfono antes de acceder ao recinto de exame, dado que non se permite o acceso con terminais operativos.

O alumnado tamén debe portar obrigatoriamente o documento físico de identificación, o resgardo de matrícula, o xustificante de pagamento e un bolígrafo de tinta azul ou negra indeleble.

A presentación xeral está fixada para as 9:00 horas do primeiro día das probas. Aqueles alumnos que unicamente se examinen das materias correspondentes á fase voluntaria non teñen a obriga de asistir a este chamamento inicial, podendo acudir directamente ás aulas no horario asignado para as súas respectivas materias.

A CIUG mantén o criterio de deseño das xornadas establecido en anos anteriores, distribuíndo as materias comúns para evitar a coincidencia de todo o alumnado nun mesmo día e mitigar as aglomeracións nos accesos aos edificios.

Unha vez distribuídos os exames, que constarán de catro preguntas obrigatorias, os estudantes deberán permanecer no interior da aula un mínimo de 30 minutos antes de poder entregar o papel e abandonar o recinto de forma ordenada.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora