A inmunización da poboación cunha terceira dose da vacina da covid-19 non se deterá coas persoas de 70 a 79 anos. O persoal sanitario e os que teñan entre 60 e 69 anos serán os próximos en ser citados para reforzar a súa protección contra o virus.
Así o acordou a comisión nacional de saúde pública co voto favorable de Galicia.
As autoridades sanitarias galegas confirmaron que os pacientes de 60 a 69 comezarán a ser citados cando se complete a terceira dose aos maiores de 70, previsiblemente a partir de principios do próximo mes de decembro.
En total, Sanidade calcula que serán unhas 395.000 persoas máis as que recibirán esta terceira dose da vacina contra a covid-19 nos dezaseis puntos habilitados en toda Galicia, entre eles a delegación da Xunta en Pontevedra e a Comandancia da Mariña en Vilagarcía.
A comisión acordou tamén vacinar de novo a todos os traballadores sanitarios e sociosanitarios, aínda que neste caso desde o goberno galego reclaman que se aborde unha planificación adecuada para lograr unha maior eficacia neste proceso de vacinación.
Con respecto ao novo semáforo de incidencia que quere implantar o Goberno, Galicia optou por absterse ao entender que o pasaporte covid, o uso da máscara, a hixiene de mans e a ventilación son as ferramentas adecuadas para esta fase da pandemia.