A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de conceder unha subvención ao Concello de Marín para a execución da edición 2017/18 do Programa Integrado de Emprego EmpregaMarín, para o cal está previsto un orzamento de 97.530 euros, dos cales 78.024 euros corresponden á parte subvencionada pola Xunta e os 19.506 euros restantes pertencen a fondos do propio Concello.
A grande novidade respecto a anteriores edicións é que no EmpregaMarín IV contarase por primeira vez coa participación de ata 85 persoas beneficiarias, o que supón 25 persoas máis que nas precedentes edicións.
O programa desenvolverase ata o 30 de novembro de 2018 e o colectivo ao que vai dirixido son traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego menores de 30 anos. Todas aquelas persoas interesadas en tomar parte no mesmo e que reunan ditos requisitos, teñen que contactar coa sua oficina de emprego e indicar o seu interese en participar no proceso de selección.
A finalidade última do programa integrado de emprego EmpregaMarín IV é a de posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.
Este programa contempla a posta en marcha dun plan integral que combinará accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación (o programa contará con accións formativas para a adquisición de aptitudes profesionais en especialidades como Loxística e distribución; Técnicas de limpeza hospitalaria; Reparación de embarcacións pneumática, Operacións auxiliares de comercio), práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade xeográfica ou formación para a igualdade.
Como nas edicións anteriores, os participantes contarán coa posibilidade de desenvolver un curso de alfabetización informática e de preparar os exames libres da ESO.