Haberá zonas azuis gratuítas para limitar o tempo de aparcamento en Marín

Marín
04 de xuño 2020

Aparcar por un tempo máximo dunha hora. É o que pretende regular o Concello de Marín coa creación en varias rúas do casco urbano de zonas azuis que, a pesar de ter o horario limitado, non terá un sistema de pago polo que será gratuíto para os seus usuarios

Zonas azuis propostas en Marín Concello de Marín

Aparcar por un tempo máximo dunha hora. É o que pretende regular o Concello de Marín coa creación en varias rúas do casco urbano de zonas azuis que, a pesar de ter o horario limitado, non terá un sistema de pago polo que será gratuíto para os seus usuarios.

Esta é, segundo o goberno municipal, unha demanda dos comerciantes da vila que se aplicará de 08.00 a 20.00 horas de luns a venres e de 08.00 a 14.00 horas os sábados.

Deste xeito, non haberá limitación horaria nin o sábado pola tarde, nin os domingos nin festivos e quedará paralizada entre as 14.00 e as 16.00 horas.

O obxectivo desta iniciativa é poder mellorar a fluidez do tráfico no centro, tras detectar que o escaso movemento dos vehículos que estacionan no casco urbano fai que non sempre sexa sinxelo atopar un sitio para aparcar.

A creación destas zonas de estacionamento con horario limitado vaise a regular mediante unha ordenanza que, tras ser analizada nunha comisión municipal, entrará agora nun período de exposición pública para fomentar a participación cidadá na súa elaboración.

"O noso obxectivo é poder garantir a rotación dos aparcamentos, facendo unha distribución equitativa entre todas as persoas, de xeito que exista fluidez no tráfico e no tránsito peonil", asegurou o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez.

As rúas que se propoñen para situar estas zonas azuis, como se pode consultar no mapa que acompañada esta información, son a Avenida de Ourense, Exército e Marina, Rúa da Ponte, Concepción Arenal, Jaime Janer e Ezequiel Massoni.

Nestes aparcamentos non poderán estacionar os vehículos de máis de 3.500 quilos nin os que realicen operacións de carga e descarga, salvo que teñan a autorización da Policía Local.

Quedan excluídos da limitación horaria, pola súa banda, os vehículos de servizos asistenciais, de emerxencia ou seguridade cidadá, que deben ter a súa autorización visible; vehículos oficiais das administracións; ou guindastres e vehículos de mudanzas con autorización.

O método de control que utilizará a Policía Local de cara a garantir o bo cumprimento da ordenanza será a ferramenta Mcam, que leva integrada un programa de recoñecemento de texto con capacidade de xeolocalización.

Deste xeito, faranse lecturas nas rúas que teñan zona azul que se compararán e o propio programa recoñecerá aquelas matrículas que superen o límite dos 60 minutos máximos permitidos na ordenanza.