Nun novo reclamo para que se escoiten as reivindicacións históricas dos residentes en Cerponzóns, o grupo municipal do PSOE levará ao próximo pleno unha demanda que busca mellorar o estado e garantir a seguridade peonil no antigo treito da N-550, ao paso polo lugar de Tilve.
A proposición foi presentada esta martes coa presenza de Juan José Esperón, secretario da Asociación Veciñal O Chedeiro, Iván Puentes, portavoz municipal socialista, e o concelleiro Marcos Rey.
Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade na Comisión de Mobilidade para reclamar ao Goberno central a cesión deste tramo de estrada e a inclusión da Ponte Malvar no Catálogo de Bens a protexer do Concello.
Tamén demandan a posta en valor do Camiño Real Transversal de Santiago a Pontevedra, do século XVIII, que corría por esta mesma ruta.
Iván Puentes manifestou a súa preocupación sobre o estado desa zona: "Nestes momentos, os veciños e veciñas, incluídos os máis pequenos que se dirixen á parada do bus, seguen a enfrontarse diariamente a situacións de perigo pola falta de beirarrúas e de canalización de augas pluviais, ao mal estado do firme, á elevadísima velocidade dos vehículos que usan esta vía como atallo ou á presencia de camións mal estacionados que obstrúen o paso."
O secretario da Asociación, Juan José Esperón, salientaba que, aínda que o obxectivo último é a cesión da vía ao Concello, mentres non se produza, son necesarias medidas urxentes.
Deste xeito piden a instalación de lombos para calmar o tráfico e unha beirarrúa que posibilite o paso seguro de persoas en cadeira de rodas ou con carriños de bebés.
A demanda veciñal existe desde hai 28 anos, con reclamacións realizadas por diversas iniciativas, entre elas da Asociación O Chedeiro, que desde 2006 demanda a intervención tanto ante Carreteras do Estado como ante o Concello de Pontevedra e alertan dos riscos que se producen especialmente en días de chuvia.
Ademais das medidas de seguridade viaria, o PSOE reivindica que o Ministerio de Transportes execute obras de asfaltado e canalización de augas no tramo en cuestión, e que se prohíba, a través da sinalización, o paso de tráfico pesado e o estacionamento indebido de camións.
Explican que esta presenza de camións obstaculiza a circulación peonil e interfere coas paradas dos autobuses escolares e de transporte público.

Agardan que o pleno da corporación respalde esta petición e se inicie o proceso para restaurar a seguridade deste tramo da antiga N-550.
"Hai 15 días case me levan a min por diante no medio da Ponte, porque viñan 'a toda leche' por alí", explicou Esperón.
A reivindicación tamén inclúe a recuperación da Ponte Malvar, elemento patrimonial singular que, segundo destacou o secretario de O Chedeiro, precisa volver a poñerse en valor e ofreza acceso seguro para a veciñanza da parroquia.