Á pregunta de titular a resposta é que si. A proxección de Pontevedra como cidade turística e de congresos, así como, a constante organización de importantes citas deportivas que enchen as 800 camas que dispoñen a ducia de establecementos hoteleiros existentes na capital, requiren dun establecemento de gama alta, que complete a oferta dos únicos catro estrelas da capital: o Parador Nacional e a Galicia Palace.
O Concello ten en venda unha parcela de 3.173 metros cadrados situada nos terreos fronte ao río Lérez que antigamente ocupou a fábrica de taboleiros de Tafisa. Concretamente trátase do terreo situado na esquina de José Malvar e a avenida de Bos Aires e está destinada a usos "hoteleiros e compatibles".
Dende hai anos o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo de axente inmobiliario atendendo a diferentes empresarios e investidores que mostraron algún tipo de interese por eses terreos que terían que estar destinados a un hotel de polo menos catro estrelas, preferiblemente, de cinco. Non obstante, por diferentes motivos, estas xestións non prosperaron.
O pasado mes de marzo un intermediario dunha cadea hoteleira presentou por rexistro no concello de Pontevedra unha solicitude de información sobre a dispoñibilidade desta parcela, segundo confirmou o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima.
Ao interesado informaráselle sobre o proxecto de desenvolvemento urbanístico desta parcela que considera unha edificabilidade máxima de 8.700 metros cadrados para un inmoble que "dadas as características e singularidade do uso, o edificio será de composición libre".