Hazte Oír "colapsa" o e-mail da Alcaldía esixindo a retirada da pancarta do aborto

Pontevedra
29 de xaneiro 2014

O maior prexuízo para o Concello é que pola chegada masiva destes correos "outros non entran", comunicacións que poden chegar a ser urxentes para os intereses municipais. Trátase, en todo caso, de peticións que chegan "dentro do ámbito da dereita", polo que a edil nacionalista asegurou que desde o goberno municipal "nos reafirmamos na nosa posición". Carmen Fouces insistiu en que "non podemos deixar de defender os nosos dereitos"

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra
Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra

HazteOír, unha asociación que asegura promover a participación política, a dignidade e os dereitos da persoa e da familia e o valor da vida, puxo o Concello de Pontevedra no seu punto de mira. Así o denunciou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que desvelou que "colapsaron" o correo electrónico da alcaldía con máis de 230 mensaxes para esixir a retirada da Casa Consistorial da pancarta que reivindica o aborto libre e gratuito.

Na maioría dos casos, explicou Carmen Fouces, trátase de mensaxes automáticas que repiten o mesmo texto redactado previamente, pero recibíronse tamén correos electrónicos "personalizados" remitidos, na súa gran maioría, de persoas que non residen en Pontevedra. A concelleira citou expresamente o caso dun internauta de Córdoba que reclamaba que certas actuacións "no quiero pagarlas con mis impuestos".

Na petición que se pode asinar a través da súa páxina web, esta plataforma acusa ao goberno municipal de "abuso de poder en toda regra" e ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de "converter a casa de todos nun taboleiro de anuncios para adoutrinar á cidadanía con pancartas a favor do aborto". Esíxenlle polo tanto que "deixe de utilizar a sede consistorial con fins partidistas".

O maior prexuízo para o Concello é que pola chegada masiva destes correos "outros non entran", comunicacións que poden chegar a ser urxentes para os intereses municipais. Trátase, en todo caso, de peticións que chegan "dentro do ámbito da dereita", polo que a edil nacionalista asegurou que desde o goberno municipal "nos reafirmamos na nosa posición". Fouces insistiu que "non podemos deixar de defender os nosos dereitos".

"Persistiremos e seguiremos reclamando ou aborto libre e gratuíto porque ou que está sucedendo é un exemplo claro de que hai dereitos que están en perigo", sinalou a responsable de Benestar Social, quen reiterou que o aborto é un "dereito fundamental" que hai que defender porque "todo pende nun fío, nada está garantido e hai que seguir reclamando os nosos dereitos".