O feito de que o alcalde de Múnic na inauguración do Walk21 puxera como exemplo a Pontevedra ao falar das boas prácticas en materia de mobilidade peonil, encheu de orgullo ao seu homólogo, Miguel Anxo Fernández Lores, que asiste como ponente convidado a este encontro no que se dan cita máis de 700 especialistas de todo o mundo relacionados coa mobilidade.
No seu discurso inaugural, Hep Monatzeder fixo unha referencia expresa a Pontevedra falando de que trouxeron a Múnic este evento porque están convencidos de que camiñar é un medio de transporte de futuro nas cidades, e queren buscar inspiración para as súas propias solucións, como acontece en Pontevedra co Metrominuto e as innovadoras ideas para utilizar os espazos públicos de xeito máis eficiente.
Pontevedra, con dúas intervencións é a única cidade española representada entre as 18 persoas que tomarán parte nos plenarios deste congreso internacional.
Lores compartirá sesión cos representantes de Múnic, Sydney e Shkodra na sesión de clausura moderada polo presidente e fundador de Walk21, Jim Walker. O resto destas cidades que expoñerán en pleno algún aspecto do seu modelo son Basilea, Berlín, Viena e Zúric, ademáis de membros de institutos públicos ou privados ou estudosos relacionados coa mobilidade.
O enxeñeiro municipal, Gómez Viñas, falará de Pontevedra como a cidade que se transformou pensando nos peóns na sala principal do Congreso.
A presenza española é leve, xa que só aparece no programa unha intervención de Ole Thorson referida aos sistemas auditivos para pasos de peóns en Barcelona e a intervención de Juan Carlos Escudero que fala do calmado do tráfico en 47 rúas urbanas. Portugal tamén está representado por Mario Alves, que falará o venres da relación entre o camiñar e a saúde e a economía local.
En total hai programadas 114 intervencións con casos de todo o mundo, agrupadas en 38 mesas temáticas, ademáis das tres sesións principais; nunha delas participa Fernández Lores.