Heroes de Ponte Sampaio pide ao Concello que compre as leiras situadas fronte ao colexio da parroquia

Pontevedra
13 de marzo 2017

Os veciños consideran que é a "ubicación ideal" para a construción de instalacións deportivas e recordan que a parroquia carece delas e teñen que desprazarse ata o veciño Concello de Soutomaior  

Terreos fronte ao colexio público de Ponte Sampaio
Terreos fronte ao colexio público de Ponte Sampaio / Mónica Patxot

A asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio, que preside Ramón Agulla, reiterou este luns unha petición que realizaron xa varias veces nos últimos anos, que o Concello de Pontevedra compre as leiras situadas fronte ao colexio público da parroquia -e moi próximas ao campo de fútbol- para situar nelas unha zona de aparcadoiro e novas instalacións deportivas. 

A directiva do colectivo explicou a través dun comunicado que estas leiras están cualificadas como equipamientos no Plan Xeral de Urbanismo e están afectadas pola Lei de Costas.

Ademais, consideran que a súa adquisición "non tería demasiados problemas" xa que pertencen a dúas familias ben localizadas e os seus propietarios "seguramente serían os primeiros interesados en desfacerse delas dada as afeccións que teñen".

Os veciños consideran que é a "ubicación ideal" para a construción de instalacións deportivas e recordan que a parroquia carece delas e teñen que desprazarse ata o veciño concello de Soutomaior. 

En canto ao aparcadoiro, propoñen que se habilite para dar servizo ao colexio público e que será moi útil no verán dada a cantidade de xente que utiliza a praia da Xunqueira e os espazos públicos da zona e que acode ás festas patronais.