Historia industrial e reivindicación educativa como base da celebración do San Xoán de Caldas

Umia
24 de xuño 2025

A fogueira de cinco metros que recreaba a Fábrica da Luz de Segade congregou a milleiros de persoas nunha celebración que combinou tradición e reivindicación social

Fire Performance de Asacocirco en Caldas
Fire Performance de Asacocirco en Caldas / Concello de Caldas de Reis

A noite de San Xoán foi unha auténtica festa multitudinaria no Campo da Torre de Caldas de Reis, onde milleiros de veciños e visitantes se reuniron para celebrar unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo galego.

A xornada, que comezou cun paseo etnobotánico pola tarde, culminou cunha espectacular fogueira que este ano adquiriu un significado especial ao recrear as ruínas da Fábrica da Luz de Segade, no 125 aniversario da súa posta en funcionamento.

A celebración arrancou ás 18.00 horas cun percorrido guiado por Pepe Bragaña, no que 80 participantes recolleron as tradicionais herbas de San Xoán ao longo da senda fluvial do río Umia.

Mentres, a agrupación Os Encerellados animaba as rúas da vila, creando o ambiente festivo propio desta celebración.

O aspecto gastronómico tamén estivo presente e os asistentes tiveron unha manchea de produtos para degustar: 300 quilos de sardiñas asadas, 100 quilos de pan de millo, polbo, churrasco, tortilla e empanada.

Ás 23:00 horas, o espectáculo Fire Performance de Asacocirco captou a atención do público co seu lanzachamas humano e acrobacias con lume.

O momento máis esperado chegou co acendido da fogueira no río Bermaña, onde unha estrutura de máis de 5 metros reproducía a histórica Fábrica da Luz.

A montaxe incluía tamén unha bandeira e unha lápida simbólica en apoio á comunidade educativa do CEIP San Clemente, que loita polo retorno dunha terceira unidade de Infantil, engadindo así un compoñente reivindicativo á celebración.

Recreación da fábrica da luz de Caldas coa bandeira reivindicativa do CEIP San Clemente
Recreación da fábrica da luz de Caldas coa bandeira reivindicativa do CEIP San ClementeConcello de Caldas de Reis
Fogueira no río Bermaña
Fogueira no río BermañaConcello de Caldas de Reis

Manuel Fariña, tenente de alcalde e responsable de Cultura, destacou que "o San Xoán de Caldas é moito máis ca unha festa: é unha celebración da nosa cultura, do noso patrimonio e da forza dun pobo que sabe gozar e loitar unido".

O edil cualificou a xornada como "o mellor San Xoán de toda a provincia" e agradeceu o traballo das persoas voluntarias e colectivos locais que fixeron posible "unha noite máxica e segura".

A música de La Duendeneta pechou unha celebración que, segundo o Concello, aspira a seguir medrando nas próximas edicións.