Un home de 48 anos de idade faleceu á primeira hora deste mércores tras ser atropelado en Campañó.
O accidente, segundo confirmou o 112 Galicia, rexistrouse ás 08:05 horas na rotonda situada nas inmediacións do polígono do Vao, na PO-531.
Trátase dun operario que estaba a realizar traballos no polígono do Vao.
Fontes oficiais da Garda Civil sinalaron que foi un camión o que atropelou á vítima, causándolle a morte.
A Garda Civil sostén que o camioneiro non parou tras o atropelo.
Até o lugar, o servizo de emerxencias enviou unha ambulancia asistencial de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, que atendeu ao ferido no lugar.
A pesar dos seus esforzos por salvarlle a vida, o home, que era veciño de Vigo, acabou falecendo.
O atropelo provocou longas retencións nos accesos a Pontevedra desde a estrada de Vilagarcía, moi concorrida a esa hora da mañá.
Axentes da Garda Civil de Tráfico, que tamén acudiron ao lugar do accidente, encargáronse de regular a circulación.
