Homenaxe ás vítimas asasinadas o doce de novembro do 36 e as súas familias

Pontevedra
10 de novembro 2017

O Concello organiza este domingo o tradicional acto de homenaxe ante a escultura situada na pasarela de Doce de Novembro

Monolito na rúa Doce de Novembro
Monolito na rúa Doce de Novembro / PontevedraViva

A Concellaría de Patrimonio Histórico organiza este domingo, a partir das 12.30 horas da mañá, o tradicional acto de homenaxe ás vítimas do 12 de novembro do 1936, asasinados polo fascismo no quilómetro 1 da estrada de Campañó.

Eran dez significados republicanos, de distintas ideoloxías, idades e profesións, co nexo común de defender o lexítimo goberno da II República.

Deixaban sete viúvas e 33 rapaces orfos, dous deles aínda no ventre das súas nais. Eles serán este domingo os protagonistas da homenaxe da corporación de Pontevedra, nun acto organizado ante a escultura da pasarela da rúa Doce de novembro.

Participarán o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro Luís Bará e a xornalista Montse Fajardo. O acto estará acompañado da música de Marcelo Dobode.

Lola Lois, Aurora Poza, Matilde Caamaño, Isabel Gómez, Carmen Julián, Blanca Rodríguez e Rita Sobrido son as mulleres que tiveron que saír adiante soas xunto aos seus fillos que quedaron sen pai.