Homenaxe pública en Carracedo a dous mestres represaliados polo franquismo

Umia
08 de abril 2026

O acto, no que se incluirán conferencias, celebrarase o 19 de abril en recordo de Pilar Pozo Juncal e Agustín Álvarez, mestres das escolas de nenas e nenos de Carracedo en xullo de 1936

Escola de nenas de Carracedo con Pilar Poza
Escola de nenas de Carracedo con Pilar Poza /

A asociación cultural Carracedo Fala homenaxeará dous mestres que exerceron o seu labor profesional nesta parroquia caldense durante os anos 30 do século pasado e que foron represaliados pola ditadura franquista e apartados do seu posto de traballo.

A entidade, no marco do programa 'Carracedo pola libertade e a democracia', descubrirá na fachada da escola unitaria do Centro Rural Agrupado unha placa en recordo de Pilar Pozo Juncal e Agustín Álvarez.

Todos os actos celebraranse o domingo 19 de abril no local social do Gorgullón (Carracedo) e arrincarán ás 11:00 horas.

A homenaxe incluirá un ciclo de conferencias de historiadores, estudiosos e expertos na memoria histórica en Galicia.

A primeira delas correrá a cargo do historiador e presidente de Carracedo Fala, Javier Frieiro, quen falará de 'A Segunda República: democracia, educación e modernización social'.

Despois será a quenda do historiador pontevedrés, Xosé Álvarez Castro, con 'Anos de terror. A violencia política tras o golpe do 36', e da arqueóloga, investigadora do Incipit e membro de Terra Calda, Elena Cabrejas, que dirixirá 'Un abrazo cheo de liberdade. Violencia e memoria na vila de Caldas dende o 36'.

O ciclo de conferencias pecharao a investigadora e creadora da asociación O Faiado da Memoria, Margarita Teijeiro, falando da 'Memoria democrática e compromiso cívico'.

O acto de homenaxe a Pilar Poza Juncal e Agustín Álvarez será a partir das 13:00 horas e incluirá unha reivindicación en memoria de todas as vítimas do franquismo da parroquia e no termo municipal de Caldas. Tamén intervirán profesores que no seu día foron alumnos da unitaria de Carracedo.

A xornada continuará pola tarde no local social coa proxección a partir das 17:00 horas do documental 'Lola', do director Antonio Caeiro. A peza audiovisual foi galardoada no Festival de Cine de Ourense.

Carracedo Fala promove esta xornada coincidindo co 90 aniversario do golpe de estado de 1936. A entidade reivindica que "moitos dos dereitos que temos hoxe en día debémosllos aos que, no seu día, loitaron por eles mesmo á conta da súa vida, polo que cremos que merecen un recoñecemento para que se dea a coñecer o que fixeron".

QUENES FORON PILAR POZA E AGUSTÍN ÁLVAREZ

Pilar Poza Juncal (Pontevedra, 1896) e Agustín Álvarez (Marcón, 1898) foron os mestres nacionais das escolas de nenas e nenos de Carracedo en xullo de 1936. Os dous representaban ao espírito modernizador da Segunda República cun compromiso firme para que a mocidade da parroquia adquirise valores vinculados á democracia.

Durante a súa estadía nas dúas escolas organizaron excursións para os nenos, aulas para adultos e colaboraron activamente coa Sociedade Cultural e Recreativa da Mocidade, nacida en Carracedo en 1935, e que desenvolvía iniciativas lúdicas e culturais. Entre elas, por exemplo, a posta en marcha dunha biblioteca que os propios Pilar Poza e Agustín Álvarez doaron á parroquia.

Tras o golpe do 36 non todos os veciños apoiaban as súas prácticas e promoveron denuncias para que fosen apartados dos seus postos. A pesar de que foron os meses de maior represión da violencia franquista (con asasinatos en diferentes puntos da provincia) houbo un grupo de veciños de Carracedo que asinaron un escrito para evitar que ocorrera.

A firma non serviu de nada e ningún dos dous volveu a Carracedo a dar clase. No seu lugar, Pilar volveu ao ensino en 1940 en Silleda, mentres que Agustín, despois de estar preso en San Simón, volveu ás aulas en 1947.