O Hospital Montecelo acolle unha xornada para mellorar a atención a pacientes con obesidade

Pontevedra
18 de outubro 2025
Actualizado: 16:39

O encontro desenvolverase o luns, 20 de outubro, e contará coa participación de recoñecidos especialistas

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

O vindeiro luns , 20 de outubro, o Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra acollerá unha xornada centrada na abordaxe multidisciplinar da obesidade e dirixida principalmente a profesionais sanitarios de Atención Primaria.

O encontro, baixo o título 'Artífices do cambio: forxando o futuro do manexo da obesidade en Pontevedra', busca achegar novos enfoques clínicos e asistenciais no tratamento dunha enfermidade considerada xa un importante problema de saúde pública.

A actividade desenvolverase de 16:30 a 19:00 horas no salón de actos do Hospital Montecelo, coa inauguración a cargo da directora asistencial da área sanitaria, a doutora Yolanda Sanduende. Estará moderada polo coordinador do servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUP, o doutor Pablo Fernández Catalina.

A xornada contará coa participación de recoñecidos especialistas.

A endocrinóloga Paula Sánchez Sobrino abordará o 'ABCD da obesidade'; o internista Santiago Freire Castro, do CHUAC, analizará as complicacións asociadas a esta enfermidade; o médico de familia Alexis Arjona Bravo, do consultorio Monroy de Cáceres, ofrecerá pautas sobre como abordar a conversación con persoas con obesidade; e a doutora en Nutrición Marta Comas Martínez, do Hospital Vall d'Hebron, xunto co catedrático de Educación Física Felipe Isidro Donate, exporán estratexias de éxito en alimentación e exercicio.

Segundo o doutor Fernández Catalina, "as perspectivas multidisciplinares que achegan os relatorios permiten un enfoque holístico da obesidade, tendo en conta non só a perda de peso, senón tamén a saúde mental, a calidade de vida e as posibles complicacións médicas dos pacientes".

O especialista subliñou ademais a importancia do traballo conxunto entre endocrinólogos, nutricionistas e outros profesionais para mellorar o acompañamento e a eficacia dos tratamentos.