O Hospital Montecelo investirá case un millón de euros en sistemas automatizados para a súa farmacia

Pontevedra
25 de agosto 2025

A Consellería de Sanidade licita a subministración e instalación de tecnoloxía tipo carrusel para optimizar o espazo e a xestión de medicamentos

Obras en Montecelo
Obras en Montecelo / PontevedraViva

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia acaba de licitar, a través do Portal de Contratos Públicos, a subministración e instalación de sistemas de almacenamento automatizado de farmacia para o Hospital Montecelo de Pontevedra, cun importe de 943.800 euros.

As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 11 de setembro para presentar as súas ofertas.

Esta contratación responde á necesidade de garantir unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia de Pontevedra e O Salnés.

A adquisición de sistemas automáticos de almacenamento tipo carrusel para o Servizo de Farmacia do Hospital Montecelo permitirá optimizar o espazo físico dispoñible e reducir os tempos de preparación de pedidos internos.

Ademais, esta tecnoloxía mellorará a precisión no control de stock, facilitará a integración cos sistemas de xestión do hospital e diminuirá o risco de erros na dispensación, incrementando así o rastrexo dos medicamentos.

A implementación destes equipos automatizados contribuirá tamén a liberar recursos humanos do persoal de farmacia para que poidan dedicarse a tarefas de maior valor asistencial.

Esta medida, segundo a Consellería de Sanidade, repercutirá positivamente na calidade da atención farmacéutica que reciben os pacientes.