A solidariedade feita arte: o Hospital Provincial acolle a exposición dos carteis escolares sobre doazón e transplantes

Pontevedra
24 de outubro 2025
Actualizado: 16:31

Con esta exposición e co calendario que a acompaña, a arte e a solidariedade volven darse a man para transmitir unha mensaxe sinxela pero poderosa: doar é regalar vida

Presentación da exposición de carteis sobre doazón e transplantes
Presentación da exposición de carteis sobre doazón e transplantes / Cristina Saiz

Desde este venres e ata o vindeiro mércores 29 de outubro, a entrada principal do Hospital Provincial de Pontevedra enche de cor, creatividade e mensaxes solidarias coa exposición itinerante do VII Concurso de Carteis para Escolares sobre Doazón e Transplantes.

A mostra foi inaugurada este venres pola directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Yolanda Sanduende, acompañada pola tenente de alcalde, Eva Villaverde; o coordinador de transplantes do CHUP, Ignacio Cenoz; o doutor José María Vázquez Estepa, da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS); o deputado provincial Javier Tourís e o presidente de ADROVI, Celso García Estévez, receptor dun órgano e impulsor desta iniciativa.

No acto tamén participaron responsables da Área Sanitaria, como Marisol Samartín, subdirectora de prestación farmacéutica, e Jorge García-Borregón, subdirector de humanización, calidade e atención á cidadanía, así como representantes das asociacións ALCER, coa súa presidenta Nuria Cruz, e ASAMPO, encabezada por Francisco Pérez-Mirás.

Esta exposición, que celebra xa a súa sétima edición e percorre diferentes hospitais do Servizo Galego de Saúde, reúne os carteis premiados no concurso escolar impulsado por ADOS en colaboración coas Consellerías de Sanidade e Educación da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é achegar aos máis novos a importancia da doazón de órganos e fomentar valores como a solidariedade, o altruísmo e o compromiso social.

"Queremos que o alumnado entenda que doar é dar vida, que detrás de cada transplante hai unha historia de esperanza", destacaron os representantes sanitarios e asociativos durante o acto.

Todos os participantes coincidiron en salientar a relevancia de educar en valores solidarios dende idades temperás e recoñeceron o traballo da Coordinadora Autonómica de Transplantes e da comunidade educativa galega, cuxo compromiso é clave para manter viva a conciencia social arredor da doazón.

No marco desta inauguración presentouse tamén o calendario de 2026, ilustrado cos carteis gañadores das distintas edicións do certame. O deseño correu a cargo de ADROVI e a impresión realizouse grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.

A organización destacou a alta calidade artística das obras presentadas nesta edición.

Xunto á exposición de carteis, tamén se fixo entrega dos premios do XI Concurso de Curtametraxes sobre Doazón e Transplantes.