Hotusa adquire o Gran Hotel La Toja

O Salnés
08 de marzo 2018

Hotusa pechou un acordo co Banco Popular para adquirir o Gran Hotel La Toja e o Balneario Isla de la Toja que, desde xuño de 2015, explotaba xa a través da súa cadea Eurostars Hotels. O acordo inclúe, xunto con estes dous hoteis, a cesión do Casino La Toja, o Palacio de Congresos -que ten capacidade para 800 persoas- e o Restaurante Los Hornos

Gran Hotel La Toja
Gran Hotel La Toja / Hotusa

Dous dos principais establecementos hostaleiros da illa da Toxa (O Grove) pasan a mans do Grupo Hotusa, unha das cadeas máis importantes do sector. Trátase do Gran Hotel La Toja e do Balneario Isla de la Toja, de cinco e catro estrelas respectivamente.

Hotusa pechou un acordo co Banco Popular para adquirir os hoteis que, desde xuño de 2015, explotaba xa a través da súa cadea Eurostars Hotels.

O acordo inclúe, xunto con estes dous hoteis, a cesión do Casino La Toja, o Palacio de Congresos -que ten capacidade para 800 persoas- e o Restaurante Los Hornos.

Amancio López Seijas, presidente do grupo Hotusa, sinalou que "para min, na miña condición de galego, é un orgullo e, como empresario, un privilexio ter a oportunidade de adquirir estes establecementos que constitúen dous auténticos referentes da hotelaría en Galicia".

A incorporación do resto de establecementos supoñerá, engadiu, "un reforzo de luxo para complementar a actual oferta de servizos e ampliar o noso nicho de mercado".