A humanización do núcleo rural de Aios acougará o tráfico rodado e favorecerá a seguridade peonil

Sanxenxo
16 de febreiro 2025

O núcleo compono unhas vinte casas con muros de pedra, así como edificacións auxiliares como alpendres, hórreos e un lavadoiro, de alto valor patrimonial

Núcleo rural de Aios Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo humanizará o núcleo rural de Aios cun investimento de 674.190 euros do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e con fondos municipais.

A actuación axudará a acougar o tráfico rodado e mellorará a seguridade peonil.

O núcleo compono un vinte casas con muros de pedra, así como edificacións auxiliares como alpendres, hórreos e un lavadoiro, de alto valor patrimonial.

Ademais, sitúase próximo a lugares de interese turístico e praias como Pragueira e Bascuas.

Núcleo rural de Aios

Na actualidade, os viarios teñen anchos desiguais que en moitos casos non son axeitados para unha dobre circulación, onde conviven o tráfico peonil e o rodado nunha situación pouco segura.

En canto aos estacionamentos os coches aparcan de forma desordenada.

O proxecto que abarca un ámbito de actuación de 2.581 metros cadrados, propón cambiar as redes de electricidade e comunicacións a unhas instalacións axeitadas e eficientes, retirando postes, tendidos aéreos e substituíndo os servizos por uns novos.

En canto aos firmes renovarase o asfalto e formigón por pavimento con pedra, lastro cerámico, lastro granítico, pavimentos continuos de formigón desactivado con áridos brancos e negros e formigón puído en seco con áridos brancos.

Ademais, cambiarase a iluminación pública, instalando un total de 20 luminarias sobre fuste e 2 luminarias a nivel do solo ao pé do cruceiro.

Tamén se renovará o mobiliario urbano instalando 2 bancos de madeira na praza do cruceiro.

Os viarios do núcleo non teñen un ancho suficiente que permita unha diferenciación entre a circulación de vehículos e o tránsito peonil.

O ámbito de actuación ten un marcado carácter residencial con preferencia peonil e é necesario facilitar a chegada dos residentes até os seus garaxes co vehículo.

Coa premisa de dar preferencia ao peón e á vida residencial do núcleo, establécense categorías de viarias e un único sentido de circulación con velocidade restrinxida aos 20Km/h, que permita unha maior seguridade cidadá e facer o espazo público do núcleo máis amable.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora