Humor, crítica e música mordaz abriron a 34 edición do Concurso de Murgas

Pontevedra
17 de febreiro 2026
Actualizado: 12:35

Murga do Naveiro, Os do Val do Lérez, Tropa da Moncha A Caralla e Os Trapalleiros subiron ao escenario do Pazo da Cultura. As eliminatorias continuarán o mércores 18 con outras catro agrupacións

Os do Val do Lérez na primeira semifinal do XXXIV Concurso de Murgas de Pontevedra

O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este luns a primeira xornada da 34ª edición do Concurso de Murgas, unha cita que completou, un ano máis, a capacidade da sala.

A gala, conducida pola actriz María Carrera, alternou as interpretacións musicais e a retranca da presentadora co público e cos políticos coas intervencións das catro formacións participantes na quenda inicial.

A Murga do Naveiro foi a encargada de abrir o certame coa proposta "Canal Naveiro Noticias (CNN)", na que os compoñentes, caracterizados como xornalistas, abordaron temas de actualidade como os Premios Feroz ou a xestión do estacionamento na cidade.

A agrupación Os do Val do Lérez presentaba unha escenografía cunha "Gran Tómbola" baixo unha estética inspirada na figura de Donald Trump, vestido con pantalóns curtos.

Pola súa banda, a Tropa de Moncha A Caralla, integrada exclusivamente por mulleres, recreou o vestiario das vendedoras do Mercado de Abastos.

O peche desta primeira volta correu a cargo de Os Trapalleiros, que despregaron unha posta en escena colorista centrada nunha sátira sobre o terraplanismo.

O calendario do concurso proseguirá este mércores 18 de febreiro ás 21:00 horas coa segunda semifinal.

Nesta xornada intervirán Jana de Leria, Arrombados, Leña Verde e Equipo Ja, formación que defende o primeiro posto acadado o pasado ano.

Ao remate das actuacións, o xurado fará público o nome das agrupacións que accederán á gran final do xoves 19.

As bases do certame establecen un tempo máximo de 30 minutos por actuación, onde se avalía o contido humorístico e a sátira das letras.

Os grupos optan a un primeiro premio de 1.200 euros e a figura do Ravachol 2026, ademais de diversas contías económicas para o resto de finalistas e unha axuda de 250 euros por participación.

Para aquelas persoas que non se despracen ao auditorio, o Concello de Pontevedra mantén habilitada a retransmisión en directo na súa canle en Youtube. A primeira eliminatoria pode verse nesta ligazón.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en