Ibai, Luceira e Lula regresan ao seu medio natural

O Salnés
31 de xaneiro 2024

Estas tartarugas mariñas apareceron a finais do ano pasado na ría de Cedeira, na do Barqueiro e en Fisterra, atrapados en redes de pesca, e foron rescatados polos propios mariñeiros

Ibai, Luceira e Lula antes de regresar ao seu medio natural
Ibai, Luceira e Lula antes de regresar ao seu medio natural

Ibai, Luceira e Lula son as tres tartarugas mariñas que foron liberadas na tarde deste martes no mar unha vez completada a súa recuperación no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

Alí estiveron ingresadas nas últimas semanas baixo a supervisión do persoal da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma).

Estes tres exemplares foron embarcados na patrulleira Punta Roncadoira do Servizo de Gardacostas de Galicia, que saíu desde o porto de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, para proceder á súa solta na boca da ría.

Ibai, Luceira e Lula foron rescatadas por tres barcos pesqueiros fronte ás costas galegas. 

Máis concretamente, a primeira destas tartarugas foi localizada o pasado 15 de noviembre por un pescador, que a levou ata o porto de Fisterra, onde a bautizaron co nome do seu fillo. Ese mesmo día, o pesqueiro Luceiro uno capturou nas súas redes á tartaruga Luceira, que foi trasladada ata Cedeira para que recibira atención. Por último, Lula apareceu atrapada tamén nas redes dun pesqueiro o 1 de decembro e tras o seu rescate, foi trasladada ata o porto do Barqueiro. Neste caso o nome foi escollido polos fillos do patrón do barco que a localizou.

Unha vez en terra e tras facerlle os exames rutineiros e comprobar que non presentaban feridas graves, decidiuse trasladar ás tartarugas directamente ás instalacións do Igafa onde permaneceron ingresadas para que gañaran peso e garantir a súa total recuperación, antes de devolvelas ao mar.

Baixo a supervisión do persoal da coordinadora, o coidado destes animais nas últimas semanas contou tamén coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto na Illa de Arousa co fin de favorecer a súa progresión. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados coa protección dos mamíferos mariños e o fomento da sensibilidade medioambiental.

A vicepresidencia segunda e consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez asistiu a este acto no que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.