A identificación dos cadáveres achados en Campo Lameiro tardará "varios días"

O Campo Lameiro
02 de xuño 2025
Actualizado: 13:13

Así o confirmou este luns a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que explicou que esta demora é debida ao "grao de deterioración" no que apareceron os corpos da parella

A Garda Civil investiga o achado de dous cadáveres en Campo Lameiro
A Garda Civil investiga o achado de dous cadáveres en Campo Lameiro / EFE/ Xoán Rey

Os labores para a identificación dos dous cadáveres, un home e unha muller, achados dentro dun coche calcinado en Campo Lameiro, tardarán aínda "varios días".

Así o confirmou a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que explicou que esta demora é debida ao "grao de deterioración" no que apareceron os corpos.

A muller, cuxo corpo estaba dentro do coche, estaba arrasada polas lapas e dela apenas quedan os seus ósos, o que está a complicar a súa identificación.

Con respecto ao segundo dos cadáveres, o do home, que se atopaba á beira do vehículo, tamén estaba queimado, pero a súa parte superior atópase menos afectada polas chamas.

Unha das vías en estudo, que transcendeu nas últimas horas, é se podería tratarse dunha parella de Moraña, municipio veciño a Campo Lameiro, da que non se sabe nada desde hai uns días.

A Garda Civil xa explorou esa vía, contactando mesmo con achegados da parella, pero as autoridades manteñen o hermetismo sobre o resultado desas pescudas.

Os investigadores, pola súa banda, si lograron identificar o vehículo no que estaban os cadáveres, pero por agora tampouco transcendeu quen sería o seu propietario.