Iluminación LED para o pavillón do colexio A Florida á espera da reforma integral do centro

Sanxenxo
19 de decembro 2023

A instalación de nova iluminación realízase dentro dos traballos de mantemento das instalacións municipais. O Concello de Sanxenxo está a traballar coa Xunta de cara a acometer a rehabilitación integral do centro educativo coa construción dun novo pavillón deportivo

Obras no pavillón do colexio A Florida Concello de Sanxenxo

O pavillón do colexio da Florida no municipio de Sanxenxo xa conta con nova iluminación ao cambiar a antiga iluminación por luces de tipo led co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética.

O departamento de Obras e Servizos encargouse deste operativo dentro dos traballos de mantemento das instalacións municipais. Durante os traballos tamén se repararon as fendas aparecidas na cuberta e que se detectaron tras o paso dos temporais do mes de novembro.

O goberno local indica que se está traballando coa Consellería de Educación para rehabilitar de maneira integral o centro educativo coa construción dun novo pavillón deportivo.

Trátase dunha demanda do equipo directivo do colexio máis veterano de Sanxenxo, no que estudan 200 escolares, que foi trasladada directamente durante a visita realizada polo conselleiro Román Rodríguez ás instalacións.

Este centro foi seleccionado por Educación para establecer o Polo Creativo, un espazo de innovación educativa con equipamento especializado para desenvolver proxectos relacionados coa Ciencia, a Enxeñería, Tecnoloxía e Matemáticas.