A Asociación de Veciños de Campelo completou a instalación dun sistema de iluminación sostible nun primeiro tramo da ruta da Ostreira.
Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a visibilidade e a seguridade das persoas que utilizan este camiño durante todo o ano.
Este proxecto corresponde á primeira fase dunha iniciativa máis ampla que busca dotar de iluminación ao tramo inicial da senda, con saída desde Campelo.
O alcalde, Ángel Moldes, e o presidente da asociación veciñal, Manuel Ligero, visitaron a zona para comprobar o resultado dos traballos, destacando que o deseño respectou a contorna e as características naturais do espazo.
Esta ruta é utilizada a diario por veciños e visitantes para pasear, practicar deporte ou realizar sendeirismo, e tamén forma parte do itinerario de peregrinos e mariscadoras, que o percorren para acceder á praia durante a súa xornada de traballo.
A nova iluminación permitirá mellorar as condicións de seguridade, especialmente durante os meses de inverno, cando a redución das horas de luz dificulta o tránsito.
"Este proxecto é unha mostra de como a iniciativa das asociacións veciñais contribúe a mellorar Poio", afirmou o alcalde.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.