Xa foron substituidas as pontes situadas na ruta da Ostreira, á altura da Reiboa, e nos Muíños de Samieira.
O Concello de Poio acometeu esta actuación destinada a garantir a seguridade das persoas usuarias que practicamente a diario transitan por estes itinerarios.
A actuación contou cun investimento de preto de 20.000 euros, e permitiu renovar por completo unhas pasarelas que se atopaban en mal estado e que supoñían un risco para a seguridade, debido ao desgaste do paso do tempo e ás condicións ambientais.
Os traballos incluíron a demolición e retirada das antigas táboas, varandas e vigas de madeira deterioradas, así como a instalación dunha nova ponte horizontal formada por táboas estriadas anti escorregantes.
As novas estruturas foron realizadas en madeira de pino vermello tratada en autoclave con sales metálicas, cumprindo a normativa vixente para o seu uso permanente en espazos expostos ao sol e á auga.
Ademais, instalouse unha nova varanda de madeira, incrementando así a seguridade e a comodidade das persoas que percorren estas zonas.
O alcalde Ángel Moldes, que comprobou o resultado das obras, salienta que un dos grandes atractivos de Poio é o seu extenso litoral e a súa riqueza paisaxística, e son moitos os veciños e visitantes que percorren a pé as sendas litorais deseñadas para descubrir a riqueza natural do municipio, polo que resulta fundamental garantir o seu mantemento a, con elo, a seguridade.
Neste senso, cómpre recordar que estas dúas rutas contan coa distinción Sendero Azul 2025, un recoñecemento que avala a súa calidade medioambiental, seguridade e valor turístico.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.