O Nadal chega a Poio coa inauguración da carpa Poio Máxico

Poio
20 de decembro 2025

Durante este Nadal, a carpa situada na Seca será un punto de encontro para as familias, cunha programación ampla e gratuíta pensada para persoas de todas as idades

Inauguración da carpa Poio Máxico
Inauguración da carpa Poio Máxico / Concello de Poio

Éxito e gran participación familiar na inauguración da carpa de Poio Máxico celebrada este venres na Seca.

Coincidindo co inicio das vacacións escolares, numerosas familiares gozaron da festa inaugural deste espazo que, xunto coas sete Aldeas de Nadal, é un dos puntos neurálxicos da programación do Concello de Poio para estas festas.

Neste primeiro día, as persoas asistente puideron gozar de atraccións gratuítas no exterior da carpa, talleres de maquillaxe, xogos, inchables e a música da Gramola Gominola e do DJ Quico.

O alcalde, Ángel Moldes, puxo en valor o "importante esforzo" que realiza o Concello para que a programación do Nadal sexa inclusiva e universal, con actuacións e actividades de calidade e totalmente gratuítas para as familias.

"Non queremos que ningún neno quede fóra do Nadal en Poio. Temos unha programación moi potente para que todos gocen por igual, independentemente de cal sexa a situación nos seus fogares. O Nadal é tempo de maxia, de ilusión e de esperanza, por iso en Poio apostamos por unha programación que sexa para todas as persoas sen excepción", sinalou.

Inauguración da carpa Poio Máxico
Inauguración da carpa Poio MáxicoConcello de Poio

Durante este Nadal, Poio Máxico será un punto de encontro para as familias, cunha programación moi ampla pensada para que persoas de todas as idades poidan gozar xuntas destas datas tan especiais.

A carpa, que estará aberta até o día 6 de xaneiro en horario de 16.30 a 20.30 horas, terá habilitadas zonas de xogo para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, talleres diarios (manualidades, contacontos, creación de pulseiras, experimentos de 'slime', xogos tradicionais, origami, decoración de galletas...), inchables, atraccións, zona xuvenil con mesa de ping-pong e futbolín, área de lactación e unha completa oferta de actuacións.

Ademais, o escenario acollerá este sábado día 20 a entrega dos premios do Concurso de Tarxetas de Nadal e, a continuación, os asistentes poderán gozar do espectáculo musical 'Os tres Porquiños', unha adaptación da coñecida fábula con bonecos a tamaño real, pensada para os novos tempos e en colaboración co programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. Será a partir das 17:30 horas.

A maxia chegará a Poio o domingo, ás 18.00 horas, cun taller infantil e a posterior actuación dos magos Iago Saavedra e Sara Rodríguez, con espectáculos participativos e cheos de humor para sorprender a públicos de todas as idades.

A programación complétana actuacións como A maxia do Nadal do Mago Paco (xoves 25), a Aldea Musical de Nadal con Nelson Quinteiro (venres 26), concertos da Escola de Acordeóns de Campelo (sábado 27) e da Escola de Música de Poio (domingo 28), teatro infantil coa Pirata Lola ou o espectáculo internacional de Pica Pica co seu proposto Nadal Total, entre outras actividades.

Inauguración da carpa Poio Máxico
Inauguración da carpa Poio MáxicoConcello de Poio
Inauguración da carpa Poio Máxico
Inauguración da carpa Poio MáxicoConcello de Poio

 

Arquivado en