O Nadal chega con forza a Poio e faino cunha proposta pensada para desfrutar en familia. Este venres 19 abre as súas portas na Seca a carpa Poio Máxico, un espazo de lecer que se converterá nun dos grandes puntos de encontro destas festas.
Ata o 6 de xaneiro, todas as tardes de 16.30 a 20.30 horas, haberá obradoiros, xogos, actuacións e actividades para persoas de todas as idades, con acceso totalmente gratuíto.
A xornada inaugural promete ser todo un espectáculo. A música será protagonista co concerto de A Gramola Gominola, banda de rock&roll en galego dirixida ao público cativo, que chega a Poio co seu divertido espectáculo "O Nadal coa avoa Fina". Xunto a eles estará o DJ Quico, ademais de inchables, pintacaras e atraccións tamén no exterior da carpa, para facer da tarde unha auténtica festa.
Poio Máxico nace como un espazo inclusivo e familiar, cunha programación ampla e variada. Haberá zonas de xogo para a primeira infancia (0-3 anos), talleres diarios de manualidades, contacontos, creación de pulseiras, slime, xogos tradicionais, origami ou decoración de galletas. A isto súmanse inchables, atraccións, unha zona xuvenil con ping-pong e futbolín, área de lactancia e unha completa oferta de espectáculos durante todas as festas.
A programación continuará o sábado 20 coa entrega dos premios do Concurso de Tarxetas de Nadal, ás 17.30 horas, seguida do espectáculo musical 'Os tres Porquiños', unha adaptación da coñecida fábula con bonecos a tamaño real, pensada para os novos tempos e en colaboración co programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. O domingo, ás 18.00 horas, a maxia tomará o escenario cun obradoiro infantil e as actuacións dos magos Iago Saavedra e Óscar Fernández.
Durante os días seguintes non faltarán citas destacadas como A maxia do Nadal do Mago Paco, a Aldea Musical de Nadal con Nelson Quinteiro, concertos da Escola de Acordeóns de Campelo e da Escola de Música de Poio, teatro infantil coa Pirata Lola ou o espectáculo internacional de Pica Pica coa súa proposta Navidad Total, entre moitas outras actividades.
Ademais, este mesmo venres 19 celebrarase tamén o tradicional Festival de Nadal na Casa Rosada, a partir das 17.00 horas. O edificio municipal xa luce decoracións creadas polos usuarios do programa Saudemente e a festa contará con sorteos, agasallos, baile, degustación gratuíta de rosca e unha animada sesión de Bingo Entretido. Un plan perfecto para comezar o Nadal en Poio con bo ambiente e espírito festivo.