O Concello de Poio porá en marcha ao longo de 2026 unha nova liña que conectará as diferentes parroquias do municipio.
Con esta medida buscan facilitar a mobilidade interna e responder a unha demanda histórica da veciñanza.
O servizo cubrirá as zonas interiores de Poio, co obxectivo de vertebrar o territorio e facilitar os desprazamentos entre núcleos rurais e urbanos, permitindo que os veciños que non dispoñen de vehículo propio poidan moverse sen depender de terceiros, e ofrecendo ademais unha alternativa de transporte máis sostible para quen si o teñen.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou que esta iniciativa dará resposta "a unha necesidade real e mellorará a calidade de vida da veciñanza", e explicou que o obxectivo é ir implantando itinerarios de forma progresiva para avaliar cales son os máis axeitados en función da demanda. O plan conta cunha partida inicial de 30.000 euros incluída no orzamento municipal de 2026.
O proxecto piloto contempla un servizo de mañá que completará as rutas de transporte regular e de transporte integrado que xa operan no municipio. "É importante reforzar o transporte entre concellos, pero tamén é fundamental facilitar a mobilidade interna", subliñou o rexedor.
A nova liña conectará Lourido, Anafáns, Campelo, Casal, Vilariño, Sartal, Arís, Ucha, San Martiño, Fontenla, Raxó, Samieira, Chancelas, Xuviño, Esperón, Pereiro, Casalvito e A Seca, con parada na praza do Mosteiro.
Ademais, o Concello quere asinar dun convenio coa Xunta de Galicia para integrar esta liña no Servizo de Interese Municipal (SIMU), o que permitirá que os usuarios gocen das mesmas vantaxes do transporte metropolitano, como os transbordos gratuítos e as bonificacións para titulares do cartón Xente Nova e maiores de 65 anos.
Por último, Moldes avanzou que, si o proxecto piloto ten boa acollida, o Concello valorará incorporar paradas adicionais ou conexións con outros servizos de interese.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.