Veciños de Poio denuncian que grupos de condutores reúnense para competir e facer trompos na Caeira ou Andurique

Poio
09 de decembro 2025
Actualizado: 17:08

Achegan vídeos dos pilotos implicados. Nun vese dous vehículos que supostamente fixeron trompos na rotonda de Antelo e Mariño e un provocou un accidente e circulou en sentido contrario

Denuncian o ruido de coches pola noite en Poio / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio acaba de abrir unha investigación para aclarar as denuncias presentadas por veciños do municipio que alertan de grupos de condutores que se reúnen para competir e incorren en conducións temerarias.

Os veciños relatan episodios de competicións e trompos na a zona da Caeira e tamén en Andurique desde o mes de novembro e facilitaron á Policía Local diversos vídeos.

A Policía Local de Poio solicita colaboración cidadá para tentar localizar os autores.

Un destes veciños formalizou este martes 9 de decembro unha denuncia na que relata un episodio rexistrado sobre as 01:36 horas desta madrugada na glorieta na que conflúen a avenida Antelo Mariño, a rúa Mato Calderón e a estrada de Campañó, en San Salvador de Poio.

Este veciño escoitou desde a súa casa "sons de derrape e unha colisión" na glorieta e, ao asomarse, viu que había dous vehículos, un en sentido lexítimo da circulación e e outro en sentido inverso, ambos de pao a pao.

Os condutores estaban fóra dos turismos, coas mans na cabeza e, segundo denuncia este veciño, recolleron da estrada restos dos vehículos por unha posible colisión entre ambos no lugar.

Este denunciante, presidente dunha comunidade de veciños, relata que inicialmente chamou á Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, pero dixéronlle que non tiñan patrulla dispoñible, de modo que decidiu facer un vídeo.

Ese vídeo achégase na denuncia e, segundo informa a Policía Local, vese xusto a situación descrita.

Ademais, este veciño relata que "é recorrente" que circulen vehículos cuxos condutores levan a cabo condutas temerarias ao volante.

Segundo a información facilitada pola Policía Local, a principios do mes de novembro outra veciña denunciou "continuas conducións temerarias na avenida de Andurique".

Esta veciña indicaba que un grupo de mozos "reúnense para competir" e tamén achegou vídeos.

Esta mesma veciña indicou que a pasada madrugada tamén estiveron a facer derrapes e moito ruído, de modo que a Policía Local sospeita que os condutores de ambos os episodios poden ter relación.

O PSOE DENUNCIA A "INSEGURIDADE INTOLERABLE"

O grupo socialista de Poio denunciou a "inseguridade intolerable" que, segundo aseguran, están a sufrir nos últimos días os veciños de San Salvador, A Caeira e Andurique. O portavoz socialista, Gregorio Agís, atribúe esta situación á falta dunha presenza policial adecuada, o que estaría favorecendo carreiras ilegais, conducións temerarias, derrapes e manobras perigosas en zonas residenciais, así como varios roubos rexistrados recentemente.

Agís critica a "pasividade" do goberno local, ao que acusa de "desmantelar" o servizo da Policía Local por falta de planificación. Segundo o grupo socialista, a ausencia de axentes en horarios clave e a falta de substitucións deixan amplas franxas do municipio sen cobertura policial, o que incrementa a sensación de desprotección entre a veciñanza. Tamén denuncian problemas para contactar coa Policía Local, asegurando que en moitas ocasións o teléfono permanece apagado.

Os socialistas acusan ao alcalde, Ángel Moldes, de ocultar esta situación e de carecer de transparencia respecto ao estado do servizo. Por iso, esixen que o goberno municipal adopte medidas urxentes para restablecer unha presenza policial estable e eficaz en todo o termo municipal. Segundo Agís, "Poio non pode continuar así nin un día máis".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora