O goberno local de Vilagarcía vén de adxudicar a Iluminaciones Santiaguesas o alumado de Nadal e os das festas de Santa Rita e San Roque en 2023.
O contrato terá un montante de 95.000 euros, dos que 19.664 euros se imputarán ao presuposto actual e os restantes 75.336 ao do vindeiro ano.
Ademais da montaxe e desmontaxe das luces e ornamentos, o adxudicatario terá que facerse tamén cargo das conexións eléctricas que precisen os concertos, as verbenas e as atraccións (entre 20 e 25) que cada ano se instalan na zona do Ramal.
No Nadal, a empresa deberá instalar ao menos 273 elementos, que contrastan cos 45 previstos para Santa Rita e os 49 de San Roque. No número de días tamén hai unha notable diferenza: dos 38 días das celebracións de decembro e xaneiro aos 4 para maio e os 10 para agosto.
No caso do Nadal, aos elementos instalados pola empresa se unirán os que porá o concello polos seus propios medios, como xa vén sendo habitual nos últimos anos en prazas e rúas, combinando a iluminación con baterías solares -e polo tanto sen xerar gasto- coa xardinería.
Aínda que neste ano a iluminación de Nadal chegará a máis lugares e haberá máis luces, o gasto será, sen embargo, un 35% menos que o pasado ano. Isto será posible reducindo en catro días a duración do alumado –comezará o 2 de decembro e rematará o 8 de xaneiro- e, ademais, diminuíndo o número de horas (dúas por xornada): de 7 da tarde ás 12 da noite.
Malia a crise enerxética actual, o goberno local considera que "hai que combinar o aforro e a eficiencia enerxética coa promoción económica e, sen dúbida, a decoración de Nadal é un elemento dinamizador da cidade, non só para os propios veciños senón para os moitos doutras partes que se desprazan a Vilagarcía precisamente polo ambiente que se crea, non só polas luces senón polo Mercado de Nadal e o Fexturrón".