O Apalpador visitará 46 concellos da provincia da man do programa da Deputación 'Nadal en galego'

Pontevedra
15 de novembro 2022

A tradicional figura realizará pasarrúas xunto ao acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor entre o 19 de decembro e o 4 de xaneiro

O Apalpador
O Apalpador / Deputación de Pontevedra

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal galego, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa 'Nadal en Galego'. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron.

Entre outros municipios, están concedidas as actuacións a: Marín, Bueu, Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Portas, Cuntis, Caldas, Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.

O número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web depo.gal. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo).

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa 'Nadal en Galego' foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, "O Apalpador" representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.