Ilusión nas rúas de Pontevedra pola vitoria da selección

Pontevedra
07 de xullo 2026
Actualizado: 7:58

Decenas de afeccionados concentráronse nas terrazas e ante a pantalla xigante que instalou a Deputación en Montero Ríos seguindo o partido entre España e Portugal

Afeccionados seguindo o partido

As rúas do centro de Pontevedra rexistraron este luns unha notable afluencia de afeccionados para seguir en directo o encontro de oitavos de final do Mundial entre España e Portugal, que concluíu coa clasificación do combinado español tras vencer por un gol a cero.

O punto principal de concentración de seguidores situábase no paseo de Montero Ríos, onde a Deputación de Pontevedra instalou unha gran pantalla diante da entrada ao Pazo Provincial.

Decenas de persoas, na súa maioría mocidade equipada coas camisetas e bufandas da selección, reuníronse neste espazo público para seguir o decisivo encontro.

Público para ver o partido do MundialPontevedraViva

De maneira simultánea, numerosas cafetarías colocaron monitores de televisión na vía pública para que os clientes seguisen o encontro nas terrazas.

Pantalla instalada nunha terrazaPontevedraViva

Preto das 23.00 horas, os afeccionados corearon o gol de Mikel Merino no tempo de engadido.

Despois, a festa continuou con turismos pitando ao tempo que os ocupantes amosaban bandeiras españolas por diferentes rúas da cidade como Eduardo Pondal.

Espectadores na avenida de Montero RíosPontevedraViva

O próximo encontro da selección de De la Fuente será o de cuartos de final previsto para o venres 10 ás 21.00 horas contra Bélxica.