Imaxes dos Entroidos pasados adornan os establecementos de Poio

Poio
24 de febreiro 2022

Repartíronse corenta paneis con máis de 300 fotografías por locais das diferentes parroquias para que figuren en escaparates comerciais durante estas datas. Nas actividades alternativas programadas pola concellería de Cultura para este ano colaboran colectivos como EnPoio e Ronsel

Desfile do Entroido en Poio
Desfile do Entroido en Poio / Concello de Poio - Arquivo

Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura, visitaba ao longo desta semana varios establecementos nos que se expoñen os paneis que o Concello repartiu con fotografías de pasadas edicións da celebración do Entroido no municipio.

Nos corenta paneis repartidos obsérvanse máis de 300 imaxes que recollen escenas divertidas desde a década dos oitenta e que, nalgúns casos, forman parte do  Arquivo Municipal do Concello. Estes paneis pódense ver en 30 establecementos comerciais da vila coa intención de fomentar a visita aos locais e, ao mesmo tempo, rememorar a participación cidadá nestas celebracións, segundo explica Raquel Rodríguez.

Estas mostras poderanse ver ata mediados de marzo nos comercios e tamén nos edificios municipais como a Casa do Concello, o Centro Cultural Xaime Illa, a Casa Rosada e o local social de Campelo.

Para o domingo 27 de febreiro na Seca, a partir das 16.30 horas, está previsto que se realicen, dentro das actividades da programación, diferentes obradoiros familiares con animación musical a cargo de Javi Solla. En caso de mal tempo, o goberno local anuncia a instalación dunha carpa na chaira. Estableceranse todas as normativas marcadas polas autoridades sanitarias.

A concelleira tamén indica que esta fin de semana nas redes sociais se celebra o certame de disfraces que organiza a Asociación de Comerciantes EnPoio. Tamén, entre o 7 e o 12 de marzo, terá lugar o Concurso de Viúv@s e Choqueir@s que organiza a Asociación Ronsel con premios para as categorías infantil, familiar e individual.