O impacto da borrasca na sanidade: danos en Montecelo e corte de luz no centro de saúde de Moraña

Pontevedra
23 de xaneiro 2026

A área sanitaria activou medidas preventivas e organizativas para garantir a seguridade das persoas usuarias e dos profesionais sanitarios e para garantir a continuidade asistencial

Zona de Montecelo afectada pola borrasca Ingrid
Zona de Montecelo afectada pola borrasca Ingrid / Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

O paso da borrasca Ingrid pola provincia de Pontevedra provocou durante a madrugada e a mañá deste venres unha serie de incidencias nas infraestruturas sanitarias. 

Ante esta situación, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés activou diferentes medidas preventivas e organizativas enfocadas a garantir a seguridade das persoas usuarias e dos profesionais sanitarios e a garantir a continuidade asistencial

O Hospital Montecelo foi o centro máis afectados, con desprendementos de chapas na fachada da zona de Rehabilitación e na área próxima á parada de autobús. 

Os dous casos subsanáronse sen ningunha afectación de persoas.

Os responsables sanitarios decidiron proceder ao valado da zona afectada para evitar riscos á poboación.

Coma medida preventiva, o acceso ao servizo de Rehabilitación cambiouse temporalmente pola entrada principal do hospital.

A medida afectou aos servizos de transporte sanitario, establecéndose os tránsitos de ambulancias polo acceso principal de Montecelo.

Ademais, a borrasca provocou incidencias no centro de saúde de Forcarei, con dificultades de acceso provocadas pola neve. Un operario realizou tarefas de retirada de neve. 

O centro de saúde de Moraña rexistrou unha interrupción do fluido eléctrico. 

Os responsables sanitarios mantiveron contacto coa empresa subministradora para resolver a incidencia, recuperar o servizo e normalizar a actividade asistencial.