O paso da borrasca Ingrid pola provincia de Pontevedra provocou durante a madrugada e a mañá deste venres unha serie de incidencias nas infraestruturas sanitarias.
Ante esta situación, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés activou diferentes medidas preventivas e organizativas enfocadas a garantir a seguridade das persoas usuarias e dos profesionais sanitarios e a garantir a continuidade asistencial.
O Hospital Montecelo foi o centro máis afectados, con desprendementos de chapas na fachada da zona de Rehabilitación e na área próxima á parada de autobús.
Os dous casos subsanáronse sen ningunha afectación de persoas.
Os responsables sanitarios decidiron proceder ao valado da zona afectada para evitar riscos á poboación.
Coma medida preventiva, o acceso ao servizo de Rehabilitación cambiouse temporalmente pola entrada principal do hospital.
A medida afectou aos servizos de transporte sanitario, establecéndose os tránsitos de ambulancias polo acceso principal de Montecelo.
Ademais, a borrasca provocou incidencias no centro de saúde de Forcarei, con dificultades de acceso provocadas pola neve. Un operario realizou tarefas de retirada de neve.
O centro de saúde de Moraña rexistrou unha interrupción do fluido eléctrico.
Os responsables sanitarios mantiveron contacto coa empresa subministradora para resolver a incidencia, recuperar o servizo e normalizar a actividade asistencial.