A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, rubricaron este xoves o convenio entre a Xunta e o Concello para a posta en marcha dunha rede de calor con caldeira de biomasa no municipio.
Xunto a eles estivo o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Trátase dunha iniciativa que busca favorecer o desenvolvemento rural sostible.
Cun investimento total de máis de 516.000 euros, o proxecto permitirá dar servizo a edificios públicos como son o CEIP San Xoán Bautista, a escola infantil Galiña Azul, os vestiarios do pavillón municipal de deportes e as aulas taller e de música.
A actuación enmárcase no proxecto europeo Interreg Poctep Aldealix (2023-2026), liderado pola Consellería de Medio Rural.
Entre os seus obxectivos está a potenciación de recursos do monte para xerar calor en pequenos núcleos baseándose na biomasda forestal e impulsando a creación de comunidades enerxéticas locais.
Aldealix contempla varias iniciativas piloto en Galicia e Portugal que poderán funcionar como demostración de posibles formas xurídicas de organización, consumos e custos, así como de tecnoloxías e maquinaria utilizadas.
