A situación da atención no centro de saúde de Barro provocou as queixas dos habitantes do municipio.
Segundo o tenente do alcalde, José Sanmartín, os veciños constituirán unha plataforma para reclamar ao Sergas solucións "inmediatas" á demora na atención primaria.
Isto débese, explica, á baixa dun dos dous médicos de cabeceira con praza en Barro e que non foi cuberta na súa totalidade polo Servizo Galego de Saúde.
Os usuarios aseguran estar indignados pola falta de cobertura diaria xa que o facultativo que cobre esta baixa só presta atención dous días á semana.
Coa intención de visibilizar o que acontece, celebrouse unha nova protesta ante o centro de saúde da localidade.