Impulsar un programa de doutoramento na facultade de Fisioterapia, o reto máis inmediato da reelixida decana Mercedes Soto

Pontevedra
06 de novembro 2023

Mercedes Soto continuará tres anos máis á fronte do Decanato de Fisioterapia, despois de que a súa candidatura recibise o apoio unánime das persoas participantes na votación celebrada este luns en Xunta de Facultade

Iria Da Cuña, Mercedes Soto e Rocío Abalo, ás portas da Facultade de Fisioterapia
Iria Da Cuña, Mercedes Soto e Rocío Abalo, ás portas da Facultade de Fisioterapia

Mercedes Soto continuará tres anos máis á fronte do Decanato de Fisioterapia, despois de que a súa candidatura recibise o apoio unánime das persoas participantes na votación celebrada este luns en Xunta de Facultade. 

Soto González permanecía á fronte da facultade desde xuño de 2022, cando foi nomeada decana en funcións en substitución de Eva María Lantarón, quen asumía o cargo de vicerreitora do campus de Pontevedra. 

Mercedes Soto encabezou a única candidatura presentada no proceso electoral aberto na facultade, que completaban as profesoras Iria Da Cuña e Rocío Abalo, actuais vicedecana e secretaria académica, cargos que manterán no novo mandato. 

Nunha votación á que estaban chamados os 16 representantes do persoal docente investigador, persoal de administración e servizos e alumnado que integran a Xunta de Facultade, a candidatura de Soto González recibiu o voto favorable das 14 persoas participantes.

Soto González amosou a súa satisfacción pola "confianza recibida" nesta votación, incidindo na importancia de contar co "respaldo da Xunta de Facultade para poder realizar o proxecto que temos en mente", dentro do que sinala como obxectivo "máis inmediato" tratar de impulsar un programa de doutoramento na facultade. 

Outra das súas intencións é potenciar a investigación, xa que "aínda nos queda por mellorar" e tamén na internacionalización, algo que podería "abrirnos novas portas tanto en materia de docencia, coa captación de alumnado de fóra, pero tamén de investigación". 

Finalmente, no referido ás instalacións, a decana sinalou que Fisioterapia conta "con bos equipamentos, pero quédansenos un pouco curtos". Por iso, aludiu á proposta da Xunta de Galicia de destinar a usos universitarios o actual Hospital Provincial, unha vez se completasen as obras do Gran Montecelo, e á posibilidade de que este edificio puidese acoller a Fisioterapia. "Estaríamos encantados".