Impulso á mellora da PO-235 na Lama coa redacción do proxecto da terceira fase de actuación

A Lama
11 de abril 2020

A mellora centrarase no ensanche do tramo da estrada entre Seixido e Portela da Cruz ata os 6,5 metros, a rectificación das curvas de menor radio e a mellora do firme

Visita oficial á primeira fase das obras de mellora da estrada PO-235 na Lama
Visita oficial á primeira fase das obras de mellora da estrada PO-235 na Lama / Xunta

A Consellería de Infraestruturas e Movilidad da Xunta de Galicia adxudicou a redacción do proxecto da terceira fase de mellora da estrada PO-235 na Lama, entre os núcleos de Seixido e Portela da Cruz.

Trátase dun novo paso na continuidade da renovación deste tramo de estrada, na que se definirán a nivel construtivo as actuacións necesarias entre os puntos quilométricos 18+100 e 25+000.

En concreto o proxecto desta terceira fase deberá incluír o ensanche do vial ata os 6,5 metros, a rectificación das curvas de menor radio e a mellora do firme, ademais da adaptación da drenaxe transversal da plataforma e o tendido e revestimento das cunetas. Tamén se dispoñerá a sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

O contrato foi adxudicado cun orzamento de 18.000 euros á empresa Proyfe S.L., que agora conta con 6 meses de prazo para redactar o proxecto.

Anteriormente a administración autonómica xa ten avanzado dúas fases de mellora nesta infraestrutura, investindo 451.000 euros no tramo entre Xesta e Seixido e 1,53 millóns de euros no treito entre Antas e Seixido, este último actualmente en execución.