Inauguran o Km 0, o punto onde nacen os roteiros turísticos de Pontevedra

Pontevedra
06 de outubro 2020

Un sinal de cor vermella con catro metros de altura situada na Praza de España marca o punto desde onde parten os principais roteiros turísticos, naturais e históricos que se poden desenvolver no municipio. Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes inauguraron este elemento que conta cun código QR con información sobre todos os espazos de interese

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes inauguran o Km 0
Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes inauguran o Km 0

Desde este martes, a Praza de España conta cun sinal de cor vermella de catro metros de alto que marca o quilómetro cero desde o que se inician os principais roteiros históricos, naturais e turísticas do municipio.

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes inauguraban este punto situado fronte ás Ruínas de San Domingos. Este novo elemento conta cun código QR que envía os visitantes á web da Concellería de Desenvolvemento Sostible onde se achega información detallada de diferentes puntos de interese turísticos e dos percorridos co seu grao de dificultade e mapa do trazado.

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, afirma que todos estes percorridos tamén se atopan recollidos na guía de roteiros por espazos verdes, parques e xardíns urbanos 'PontevedraVerde', que se pode descargar en formato pdf a través de visit-pontevedra.com

As diferentes propostas para coñecer o municipio recollen zonas como o barrio da Moureira; a Xunqueira de Alba; a Illa das Esculturas; o río dos Gafos; o Lérez; os roteiros Castelao, Sarmiento, Pintos e Bolechas ata o Camiño Portugués; Santa María de Xeve; Ponte Sampaio, a Serra da Fracha ou As Mouras na parroquia de Salcedo, entre outros.