Sanxenxo estreou este martes o seu novo colexio, un centro que se construíu no Revel (Vilalonga) e que substuirá ao actual colexio Cruceiro. Foi inaugurado nun acto que estivo encabezado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Na construción deste colexio, o goberno galego -a través do seu departamento de Educación- investiu 4,5 millóns de euros. Está adaptado aos requirimentos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, ten capacidade para 450 alumnos e conta con aulas con divisións móbiles que permitirán adaptar os espazos con flexibilidade, en función das circunstancias e atendendo ao contexto covid.
O novo centro abrirá as súas portas este xoves con 211 matriculados.
Construído nunha parcela de 11.346 metros cadrados, conta cun total de 11 aulas, biblioteca, comedor, e ximnasio. "Este é o centro que nos gustaría ter en todos os lugares de Galicia", destacou Núñez Feijóo.
Para o alcalde, Telmo Martín, o novo colexio "conta con todas as comodidades e innovacións" e non dubidou en que a calidade do centro fará que aumenten as matriculacións.
Aproveitando esta inauguración, Feijóo, asegurou que o Fondo de Reserva de Garantía Educativa incrementarase en máis dun 40% ata os 10 millóns de euros, reforzándose para atender posibles continxencias da saída da crise sanitaria.
O titular do goberno galego recordou que hai un ano a administración autonómica "destinou 162 millóns de euros adicionais para garantir o bo funcionamento do curso pasado, aos que se sumaron sete millóns do Fondo de Reserva de Garantía".
De cara o vindeiro curso que está a piques de comezar, Feijóo reiterou o compromiso de poñer á disposición "as medidas de seguridade necesarias" nun ano académico "con máis esperanzas grazas á vacina, pero no que aínda se precisan ferramentas para poder convivir coa covid".
Ademáis cóntase cun novo protocolo covid desde o pasado 9 de xullo e con 1.250 profesores de apoio a través do Plan Recupera.