O Concello solicitará un módulo de FP de Hostalería e Turismo no antigo colexio de O Cruceiro

Sanxenxo
12 de setembro 2021

O goberno local encargará un proxecto para deseñar o mellor aproveitamento das instalacións e a parcela de 4.041 metros cadrados

Antigo colexio O Cruceiro, en Vilalonga
Antigo colexio O Cruceiro, en Vilalonga / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo está decidido a destinar o antigo colexio O Cruceiro a un módulo de Hostalería e Turismo e dada a amplitude das instalacións acoller o futuro centro sociocultural. 

A boa situación no centro de Vilalonga, as posibilidades que ofrecen a ampla parcela e o edificio de 1996 (2.246 metros cadrados), o espazo libre que se gañará ao derrubar os catro edificios antigos e os 1.200 metros cadrados de pistas deportivas son algúns dos argumentos que esgrime o Goberno local para tomar esta decisión.

O Concello iniciará a tramitación da desafectación ante a Consellería de Educación.

Esta opción permitirá dispoñer dun edificio de tres plantas (baixo+2) para acoller o módulo de Hostalería e Turismo que non é posible albergar por falta de espazo no instituto de Vilalonga, un sector no que Sanxenxo é un referente e que quere trasladar á vertente educativa. 

O goberno considera que este ciclo podería ser "perfectamente compatible cun uso sociocultural".

No exterior, haberá zonas axardinadas e deportivas "que converterán este recinto nun lugar moi atractivo para a veciñanza de Vilalonga". 

O colexio de O Cruceiro componse de 6 parcelas que suman 4.041 metros cadrados e nas que se foron construíndo distintos edificios. O máis antigo en 1956, posteriormente incorporáronse 3 novas parcelas en 1965, en 1975 prodúcese unha nova ampliación das instalacións e, por último, en 1996 construíuse un edificio de 2.248 metros cadrados que é o máis aproveitable pola súa amplitude e bo estado de conservación.

O Goberno local entende que aprofunda remodelación da praza de Vilalonga, a urbanización da zona de O Revel e as actuacións no colexio de O Cruceiro supoñen unha importante mellora urbanística e un triángulo de equipamentos educativos, sociais e deportivos "que redundará na calidade de vida dos veciños de Vilalonga".