Sanxenxo aspira a conseguir tres millóns para rehabilitar o vello colexio do Cruceiro

Sanxenxo
07 de xuño 2022

O proxecto, que pretende aglutinar un centro social para xubilados, unha nova biblioteca e un centro de FP dual de Hostalería e Restauración, será presentado a próxima semana ao programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos de entidades locais, enmarcado nos fondos europeos Next Generation

Antigo colexio O Cruceiro, en Vilalonga
Antigo colexio O Cruceiro, en Vilalonga / Concello de Sanxenxo

Ata tres millóns de euros vai solicitar Sanxenxo dos fondos europeos Next Generation para afrontar a rehabilitación do vello colexio do Cruceiro, en Vilalonga.

O proxecto, que pretende aglutinar un centro social para xubilados, unha nova biblioteca e un centro de FP dual de Hostalería e Restauración, será presentado a próxima semana ao programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos de entidades locais.

A rehabilitación contempla para a biblioteca unha área de estudo, unha zona de consulta e exposición, unha área infantil, unha sala de informática, un arquivo e baños. Ademais, no exterior haberá unha zona verde de estancia para a lectura ao aire libre con bancos.

En canto ao centro social para os xubilados, onde estaba o antigo ximnasio do colexio, prevese unha pista de baile e zona de conferencias, un escenario elevado, unha cafetería con cociña, un salón, un roupeiro, uns baños e un camerino para músicos ou conferenciantes.

O resto do inmoble sería para as sesións prácticas do FP dual de Hostalería e Restauración

Así, na primeira planta habería aulas, despachos, vestiarios, sala de profesores e dirección e un economato. Na segunda planta, prevese un taller de restaurante bar e un taller de cociña con cociña quente, almacén e lavado de alimentos, cuarto frío, panadería e repostería.

O obxectivo de toda esta actuación, segundo o goberno municipal de Sanxenxo, é converter o edificio nun centro interxeracional e con capacidade de brindar contidos e actividades moi enriquecedoras para os seus usuarios.